O escritor de Caldas de Reis, a través da súa longa actividade na Administración Local, profundiza nos campos de referencia, vencéllase coas situacións contextuais galegas, axeitadas para artellar media ducia de libros de contos e novelas. Este denso corpus narrativo, encetado hai un cuarto de século, coas arreguizadas historias do wolfram, chega arestora ao cumio con Golfaróns de sangue, novela alumeante, cheas de tensións lindeiras, dun tempo de vingas sanguentas e crimes arrepiantes.Fariña Jamardo adopta, nesta novela, unha estratexia complexa, anovadora. O discurso diexético artéllase sobre parámetros temporais dispares, e nárrase dende dúas perspectivas básicas. O autor consegue controlar a situación do axente, en doce escenas independentes, representadas cunha perspectiva externa, transmitida con formas verbais da terceira persoa do cronotipo pretérito. No mesmo espazo tópico, fumegante, da vella cociña aldeá, o derradeiro Xeitoso mantense omnipresente, ao longo da novela. As posturas acougadas, sentado na cadeira, a carón do remol cincento, trócanse nas accións kinésicas de erguerse, acadar a leña para avivecer o fogo, quentar e restregar as mans ateridas, diante das chamas, beber uns grolos de augardente?Benito Varela Jácome
Veure més